En moitas aldeas de Galicia, o luns de Pascua o cura segue indo polas casas para bendicir os fieis. Eu lémbrome de vir o cura á casa da avoa na Lama cando era pequena e iso dábame pavor, porque el entraba cun crucifixo enorme na man e tiñamos que bicar o Cristo.
Pero a xente do campo sabe que, ademais das persoas, é importante bendicir o seu medio de vida. E por iso, cando o cura se vai, en moitas casas bendícense as galiñas, as vacas, as cortes todas, as leiras…Que concepto da relixión tan sabio ese que considera todolos seres vivos e toda a terra digna de bendición.
Ás veces, Deus está demasiado ocupado con tanta desgraza que hai no mundo. E hai que botarlle unha man. Na casa na que fixen esta gravación, a encargada de bendicir é Licesia, a irmá maior. E como unha sacerdotisa máis, esta muller ármase de loureiro bendicido o Xoves Santo e de auga tamén bendicida para esconxura-la súa terra e procurar boas colleitas.

Vin outra bendición da terra moi fermosa en Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz. No día da Santa, a xente baixa en procesión dende a igrexa ó castro. Suben ós penedos máis altos do castro aliñándose do mesmo xeito dende hai séculos e bendicen as súas terras e o polígono industrial.

Calquera destas bendicións parécenme un xeito fermoso de darlle a benvida a un ano novo. Feliz 2013.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *