Cando unha vaca dá leite con sangue hai que poñerse mans á obra de inmediato. En Tomeza saben un remedio para desembruxala. Chámanlle facerlle o pasteco á vaca. Servía para devolverlle a saúde ao animal pero tamén para pararlle os pés á persoa que lle botara o mal de ollo. Non lle recomendo a ninguén que faga este remedio na casa. Xa sería complicado, porque poucas teñen lareira. Pero aínda téndoa, require unha certa destreza. Aquí amosamos unha versión simplificada do ritual. En vez de angazar o leite e batelo cunha corda, decidimos bater nel cun pau. Moita xente faino así e pensamos que nos sería máis doado de recrear. Iso foi ata que comezamos a prender un lume no medio dun temporal de vento, ata que nos demos conta de que só tiñamos leite de cartón, ata que fomos conscientes de que ese leite non calla na lareira… Enfín… Por sorte non tiñamos vaca con mal ningún. A señora Rosario, que é máis seria ca nós, aprendeu este remedio de nena véndollo facer á súa nai. Ela tamén o fixo varias veces e asegura que lle deu resultado.