Os luns gústame poñer na páxina un conto, un lugar cun significado especial, algunha historia curiosa… Pero onte non daba atopado nada que me parecese ó xeito. Chegoume a inspiración á unha da mañá, nunha rúa de Compostela, durante unha conversa de amigos que comezou por un castro e acabou con Martiño de Braga.Esa conversa trouxo á miña mente a imaxe fugaz dunha persoa queimando cousas baixo unha árbore sagrada.
Volvín á casa e rebusquei nesta gravación que teño gardada dende hai case tres anos. Cóntovos a conexión:

No ano 550, Martiño de Braga é o encargado de evanxelizar os suevos da Gallaecia. Nunha carta ó bispo Polemio, que coñecemos como De Correctione Rusticorum, alecciona ó clero para rematar coas tradicións pagás que se practicaban nesta terra. Hai fragmentos do texto ben coñecidos:
“ porque prender candeas xunto as pedras, as árbores, as fontes e nas encrucilladas, ¿que cousa é senón culto ó demo?”

Martiño e os seus seguidores cristianizaron estes lugares e estes costumes tentando que o elemento pagán desaparecese baixo o manto da nova relixión. Pero o seu éxito foi moi limitado.
A contorna do castro de Armeá e do santuario castrexo recentemente escavado conforma un gran espazo ritual no que están postos os ollos de importantes expertos. Un espazo no que cada pedra ten unha historia e un nome propio.
Hai tres anos estiven alí co señor Manuel Losada. De todo o que me contou, rescato hoxe o relato sobre a pedra da orella, na que se van curar os males do oído, e da árbore de Santa Mariña, un carballo centenario debaixo do que se ían queimar ofrendas. O carballo ardeu (quen sabe se por unha candea caída ) e o señor Manuel recolleu alí mesmo algunhas das súas landras para repoñer no seu sitio outro carballo máxico, fillo do anterior.
Un pouco máis arriba, no camiño que vai cara a igrexa de Santa Mariña de Augasantas, hai unha pedra cunhas fochiñas e cun cruceiro chantado enriba. Din que nela se sentaba a santa a peinar o cabelo, e que mollaba o peite na auga que gardan as fochiñas.
A el gustáballe levar as mozas a estes lugares e contarlles as historias de cada un destes recunchos. Bonito xeito de namorar o de compartir lugares máxicos e historias vellas.
Eu pensei onte á noite que pouco ten que facer Martiño de Braga mentres haxa un home que coide dun carballo e fale de amor entre pedras sagradas.
Deiteime tarde, pensando no señor Manuel e na moura que arestora estará peiteándose na pedra do camiño da Igrexa. Pregúntome cal será en realidade o seu nome.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *