Din en Tomeza que este lugar do Pumariño foi xardín do rei Wamba. Entre as maceiras e as antigas casas dos canteiros atopei un dos licornios máis vellos que vin na miña vida. Xa nin lembran cantos anos pode ter porque foi da nai, da avoa, da bisavoa… Moitas xeracións custodiaron esta ferramenta máxica con esmero.
Aquí souben dun novo xeito de usar o licornio, combinándoo co enorme poder da auga de ruda. E souben tamén dalgúns dos coidados especiais que precisa, como non metelo en auga quente ou levalo a bendicir tódolos anos.
Non sempre o leva a bendicir a mesma persoa, porque o comparten varios membros da familia, pero o procedemento é sempre o mesmo. O licorno ocúltase dentro do ramo, camuflado entre as pólas de oliveira e de romeu. O cura non o ve e Deus, que de todo acaba enterándose, parece non molestarse polo xesto. Foi bonito ver as mulleres da casa preparando as herbas. palabrassecretas.es