Prendina forte cos meus dedos para non deixala xirar e vin como saltaba polos aires. A seguinte vez volvín cun amigo cámara para poder velo despois na casa e descubrir a trampa. Ver xirar esta peneira e interrogala durante horas, poñerlle trampas, buscarlle incoherencias ás súas respostas foi o comezo de Palabrassecretas. Nunca o publicara ata agora porque cada cousa ten o seu tempo. Pero creo que este é o momento. Hai un par de meses morreume unha informante extraordinaria. Unha muller que se convertiu noutra avoa para min. E cando se foi pensei en toda a xente coma ela que se nos vai sen que levantemos o cu da cadeira para ir entrevistala. Marabíllame que as nosas grandes institucións culturais loiten para conseguir a cesión de gravacións que fixo algún estranxeiro hai 50 anos. Marabillaríame máis que investisen en recoller agora, porque iso mesmo segue existindo e desaparece un pouco cada día. Pero claro…Sempre é máis cómodo que recollan os demais e que nolo doen cando morran. Entre outras cousas, sae máis barato. En Muros a Peneira é un oráculo. A ela pregúntanlle se unha persoa ten o mal de ollo e responde xirando nunha ou noutra dirección ou quedando queda. Non serve unha peneira calquera. Vedes que ten unhas tesoiras de asa pero tamén leva un rosario bendicido e ten dentro allos, moedas, un peite… Sostéñena dúas Marías, pero tamén pode sostela o que vai facer a consulta ou calquera outra persoa. Nós interrogámola durante horas sobre as mesmas persoas, por distinta orde, colléndoa cada vez un de nós… Foi un experimento fascinante e que aínda hoxe fai que nos preguntemos moitas cousas. Graciñas a Teresa Franco e a súa familia, que nos acompañaron e deixaron que gravásemos a sesión. Veredes que fixemos algúns cortes no son para que non se oia o nome completo de persoas que non están alí e non puideron ser consultadas sobre se querían aparecer no vídeo. Graciñas a Xose Luis Blanco, que ese día colleu a cámara para que eu puidera fixarme máis nas cousas. Anxo Rodríguez Lemos, seguidor deste blog e magnífico recolledor do que aprendo moito, contoume que Taboada Chivite, no libro Etnografía Galega, cultura espiritual fai referencia a esta práctica adiviñatoria e achega outro esconxuro diferente ó que gravamos:

“…a chamada axinomancia , presaxio cunha peneira , ou coscinomancia ,
co mesmo utensilio e metendo unhas tixeiras polo aro , con preguntas
sobre o que se desexa saber e movimento da peneira á esquerda
e dereita , co esconxuro previo : Co poder de Dios e das areas
do mar – dime peneiriña o que che hei de preguntar” .

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *