Os grans de trigo forman olliños cando se botan na auga. Será por iso que se cre que con estes grans se poden lavar as nubes dos ollos? A maxia das palabras é emocionante. Ás veces, durante a recollida, síntome como unha desenterradora de tesouros. Pasoume iso con esta bendición, a das belidas. Eu tiña noticia deste remedio a través de libros antigos, pero cando cheguei a Tomeza aínda non atopara ninguén que me falase del. As belidas son unhas manchiñas brancas que aparecen nos ollos e que fan que vaiamos perdendo visión. Son o que coñecemos como cataratas. Para bendicilas usábanse nove grans de trigo e un vaso de auga. Hoxe é un remedio que non se practica pero aínda hai mulleres que o lembran. A señora Rosario aprendeu este remedio da súa avoa e eu pedinlle que mo fixera.